Revista de Prensa


Esta práctica de ocio sempre está no punto de mira dos ecoloxistas nun país no que hai preto de 1.200.000 licenzas, o que supón un sector economicamente importantísimo nalgunhas comunidades autónomas como Castela-A Mancha, que representa entre o 10 e o 15 por cento do seu produto interior bruto (PIB)
T.D./J.M. · 8/3/2009

Máis dun millón de persoas practican a caza en España, unha actividade que move ao redor de 3.000 millóns de euros ó ano, cargada de tópicos, que os cazadores rexeitan, e que sempre está no punto de mira dos ecoloxistas. A coincidencia nunha cacería do ministro de Xustiza, Mariano Bermejo, e do xuíz Baltasar Garzón, a mesma fin de semana que transcendeu a suposta trama de corrupción que involucra a contorna do PP, volveu colocar a caza no foco informativo.

En España hai 1.200.000 licenzas, xa que cada comunidade autónoma esixe a súa, e a gran maioría dos cazadores –un 80 por cento– practica caza menor. Estímase que move uns 3.000 millóns de euros ó ano e representa entre un 10 e un 15 por cento do produto interior bruto (PIB) en comunidades como Castela-A Mancha.

Así o asegurou o secretario xeral da Real Federación Española de Caza (RFEC), Santiago Ballesteros, quen explicou que unhas 60.000 persoas viven directamente dela, sen contar os empregos indirectos que xera.

"Estase dando unha imaxe dos cazadores que non é real e hai zonas que se non é pola caza non se entenden, forma parte do noso patrimonio cultural", sinalou. O portavoz da RFEC, Antonio Pérez Henares, asegurou que unha gran maioría dos cazadores españois son "xente de condición moi normal, ás veces ata humilde, moi vinculados ó medio rural".

"Na caza hai ricos e pobres, pero a inmensa maioría é como cando imos á praia, que levamos unha antuca e unha neveira, aínda que tamén hai algúns que teñen iates enormes".

Unha montería pode custar desde 150 ata 7.000 euros, aínda que o normal é entre 300 e 1.000 euros. Para Pérez Henares, "a caza ten mala imaxe nun mundo urbanita que cre que os leóns comen maní", pero non é así no mundo rural nin na comunidade científica.

Non opina así o coordinador de Ecoloxistas en Acción, Theo Oberhuber, quen sinalou que a caza maior segue sendo unha actividade propia de empresarios, políticos e altos cargos da administración.

Esta organización puxo en marcha o ano pasado un Rexistro de Non Cazadores, que conta xa con case 14.000 inscritos, e ó que, por mor da polémica con Bermejo, invitou a sumarse a todos os políticos e cargos administrativos para "dar exemplo de civismo".

A RFEC asegura que o cazador "é unha ferramenta fundamental na conservación" da natureza. "Os cervos non falan e os cazadores non matamos bambis, matamos, en todo caso, o avó de bambi e, con todo, ese señor que che está acusando come unha costeleta dun inocente cordeiriño". "É coma se acusasen o que come costeletiñas de ser un criminal infanticida", asegurou o portavoz da RFEC.

A caza "é algo consubstancial ó ser humano desde o principio dos tempos e é absolutamente necesaria e economicamente importantísima".

Preto dun millón de saídas o monte en Galicia

Os case 57.000 cazadores fixeron preto dun millón de saídas ó monte na temporada de caza en Galicia que finalizou o mes de xaneiro pasado. Unha actividade para a que, de novo, os ecoloxistas demandaron máis regulación e seguridade e os afeccionados resaltan o cumprimento maioritario das boas prácticas.

O representante do movemento ecoloxista no Comité Galego de Caza (CGC), Martiño Fiz, de Adega, resaltou que non se realizan controis de alcolemia, cázase en zonas con perigo para os paseantes, pódese disparar a especies protexidas. O colectivo ecoloxista Verdegaia tamén denunciou o "escaso" control da actividade cinexética xa que, segundo os seus datos, se contabiliza un axente por cada 2.000 cazadores. A comunidade galega conta con 797 cotos privados de caza, sendo máis frecuentes os dedicados á caza menor, aínda que ó longo dos últimos anos son máis os cotos que decidiron aproveitar tamén o xabaril e o corzo, dada a tendencia á expansión que estas dúas especies rexistraron durante as dúas últimas décadas e que aínda na actualidade manteñen.