CAZA MENOR
Bernardo Traseira campión galego en Portomarín
7/11/2016

XXX Campionato Galego de Caza Menor con Can disputado en Portomarín (Lugo)

O pasado 5 de novembro celebrouse un dos campionatos de maior arraigo da Federación Galega de Caza. No concello lucense de Portomarín tiña lugar a xa XXX edición do Campionato Galego de Caza Menor con Can organizado pola FGC en colaboración coa Sociedade de Cazadores do Tecor Río Miño de Portomarín.

Os 21 participantes clasificados nas súas respectivas fases provinciais máis o campión da edición anterior dábanse cita en Portomarín para tentar acadar o título de Campión Galego de Caza Menor con Can e obter un billete para o Nacional da especialidade. Unha xornada de inverno, con intervalos de choiva e sol fixo que os cazadores se tivesen que esforzar ao máximo durante as 5 horas que durou a competición. 

As bravas perdices que posúe o Tecor Río Miño fixo as delicias de moitos dos participantes, algúns deles chegando a facer varios levantes de patirroxas pero sen acadar levalas ao cinto. Algún raposo, lebres e as primeiras arceas do ano completaron esta edición do Campionato Galego de Caza Menor con Can marcada pola boa e brava densidade de caza avistada pero que non se traduciu en capturas.

Foi o cazador lucense Bernardo Traseira Rois o que co seu setter “Pipi de Bosende” acadaba o título de Campión Galego da especialidade. A sorte fixo que os cazadores Ero Adrián Martínez Villasenin e Rubén Martínez Bugallo rematasen en segunda e terceira posición respectivamente. 

Un xantar de irmandade e a entrega de premios por parte das autoridades alí presentes, puxo o punto e final a esta XXX edición do Campionato Autonómico de Caza Menor con Can.