CAZA MENOR CORUÑA
Carou Rey gañador en San Sadurniño
31/10/2016

Campionato Provincial de A Coruña de Caza Menor con Can

O pasado sábado 29 de outubro disputouse nos terreos do Tecor de Narahío, en San Sadurniño, o Campionato Provincial de A Coruña de Caza Menor con Can organizado pola Federación Galega de Caza en A Coruña en colaboración coa Sociedade de Cazadores de dito Tecor.

A esta fase provincial acudiron un total de 16 cazadores, e foi un campionato que, sen dúbida, estivo marcado pola abundante caza avistada, que xunto coa boa climatoloxía reinante durante toda a xornada, permitiu gozar aos cazadores dunha boa xornada cinexética.  

Foi o cazador Juan Manuel Carou Rey o que obtivo mellor resultado o acadar o título de Campión Provincial con 1.730 puntos. En segunda posición remataba Fabián Barge Vilela con 1.530 puntos. Oscar Suárez Ventoso tíñase que conformar coa terceira posición deste campionato acadando a puntuación de 860 puntos.

A estes tres cazadores acompañaranos Víctor Moreira Graíño, José Manuel Torres Parada e Rubén Boquete Varela, conformando deste xeito o equipo que representará a esta provincia no vindeiro Campionato Galego da especialidade que se disputará este sábado día 5 na localidade lucense de Portomarín.