RASTRO DE COELLO
Jaime López é o Campión Galego
3/10/2016

O pasado sábado 1 de outubro disputouse a fase final do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello organizado pola Federación Galega de Caza en colaboración coa Sociedade de Cazadores Cinexética Carnotana de A Coruña. 

Foi neste Tecor sito no concello coruñés de Carnota, o escenario desta XXVI edición do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre coello. Unha xornada marcada pola climatoloxía favorable e boa densidade de coello, mostra de elo foi que tódolos lotes levantaron coellos, fixo gozar do campionato tanto a público como participantes, cans e organización; poñéndolles as cousas moi complexas aos xuíces.

Destacou o lote propiedade de Jaime López Castro composto polos cans “Jara, Pistón, Solo e Zar” adxudicándose o título de Campión Galego con 575 puntos. Con 526 puntos, o subcampionato era para José Javier Suárez Rama cos cans “Lor, Valdoria, Cori e Sarela”. Os cans “Laika, Sam, Lucas e Eros” propiedade de Carlos Casas Cambón facíase co terceiro posto da clasificación final con 495 puntos, non podendo revalidar o título acadado na pasada edición. 

O can “Pistón” propiedade de Jaime López Castro era galardoado como Mellor Can da proba cun total de 150 puntos.

Un xantar de irmandade onde se respiraba caza polos catro costados e a entrega de premios por parte das autoridades alí presentes, puxo o punto e final a esta XXVI edición do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello.