XUNTANZA
A FGC ratifícalle á Xunta o compromiso dos cazadores galegos cos danos do xabaril
31/8/2016

Na xornada de onte o Presidente da Federación Galega de Caza e representantes das catro federacións provinciais mantiñan unha xuntanza coas directoras xerais de Conservación da Natureza e de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias.

O motivo deste encontro era amosarlle aos representantes dos cazadores galegos a preocupación da Xunta de Galicia polos danos que está a ocasionar o xabaril, solicitándolles que intensifiquen a súa acción cinexética sobre esta especie.

Javier Nogueira indicou que “debemos ser mais áxiles cos permisos en zonas especiais como poden ser vedados ou zonas periféricas das poboacións, ou os xabarís rematarán por convertelos nos seus fortíns e seguirán a causar problemas. Do contrario, para cando chegue a solución xa será tarde”.

Tanto o Presidente da FGC como os representantes das Federacións Provinciais asumiron este compromiso, lóxico tendo en conta que xa comezou a tempada de caza maior, indicando que esta presión debe exercerse sobre todo nos puntos conflitivos, onde o xabaril está a ocasionar un maior dano.

O máximo responsable federativo tamén resaltou a necesidade de unión entre administración, cazadores e agricultores, pois só así será posible minimizar o problema do xabaril. “Un problema que xa deixou de ser cinexético para converterse nun problema social na nosa Galicia Rural”, concluíu Nogueira.

Finalmente a FGC desexa agracer á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que contasen coa Federación Galega de Caza para facer fronte a este problema que afecta a tódolos galegos.

Non foi un camión, son as consecuencias do paso do xabaril