RASTRO DE XABARIL |
O novo campión galego é o lucense José Manuel Fernández con Pirulo |
20/6/2016 |
Na xornada do pasado sábado 18 de xuño os amantes dos cans de rastro sobre xabaril tiñan unha cita no concello coruñés de Cabanas onde se disputaría a edición número XXI do Campionato Galego de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril. Os máis de 30 monteiros clasificados nos seus campionatos provincias, Copa Galicia e o campión da edición anterior, achegábanse a Cabanas para gozar dun campionato organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración da Sociedade de Cazadores de “O Castro de Cabanas”. A boa climatoloxía xunto con campos moi homoxéneos onde tiveron lugar a fase clasificatoria e final fixeron o goce de participantes e do público que seguiu a proba dende primeira hora da maña. Foi o monteiro de Lugo José Manuel Fernández Fernández co seu can “Pirulo” o que chegaba a Cabanas como actual campión Provincial da modalidade, e a súa participación non defraudou, quedando primeiro no seu campo na fase clasificatoria e primeiro na fase final cun total de 240,5 puntos converténdose no novo Campión Galego de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril. O vixente campión de España da modalidade, Francisco Rodeiro Eiras acadaba o subcampionato e medalla de prata co seu can “Rato” cun total 229,0 puntos. O monteiro José Manuel Barreiro Rivadas, de A Coruña, realizaba unha participación que o colocaba en terceira posición da clasificación final coa súa cadela “Brisa” con 192,5 puntos. A estes tres primeiros clasificados súmanselles os monteiros Luis Iglesias, Salvador Sestelo, Francisco Romero e Manuel Rodeiro completando así a Selección Galega que representará a nosa comunidade no vindeiro nacional da especialidade. Organización, autoridades, xuíces, participantes e público desfrutaron dun extraordinario xantar que tivo a súa guinda na entrega de premios os primeiros clasificados. |