RASTRO XABARIL SEN MORTE |
O cántabro Víctor Odriozola gañador de Ortigueira 2016 |
30/5/2016 |
O pasado 28 de maio disputouse nos concellos de Ortigueira, Cedeira, Cerdido, Cariño e Mañón, a VIII Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte, organizado pola Federación Galega de Caza en A Coruña e coa colaboración das Sociedades de Cazadores de Ortegal, Mañón e Cedeira. Sen lugar a dúbidas Ortigueira xa é unha das maiores e importantes probas de cans de rastro sobre xabaril salvaxe sen morte, tanto pola calidade da mesma como pola súa repercusión mediática no mundo do can de rastro, Ortigueira xa non so se posiciona a nivel nacional senon que vai mais ala e acada cotas comparables a diferentes probas da especialidade que se realizan en diferentes paises europeos. Nesta edición participaron un total de 23 equipos con cadanseu lote de cans compostos por 6 cans e ata tres conductores. Os equipos participantes chegaron dende a veciña Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia. Destacar o interese que esperta esta proba que conleva un enorme peso organizativo no que nesta oitava edición interviñeron mais de 120 rastreadores, xuíces e guias que puxeron a disposición dos participantes rastros de xabaril nas 23 manchas dispoñibles, descartando, como é lóxico, os rastros de femias de xabaril seguido das súas crías. Os participantes dispuxeron dun pequeno tempo para facer un achegamento previo a traela ou no seu caso o desbotar ese rastro e empregar outro facilitado pola organización. Unha vez feito dita comprobación, tería lugar a solta dos cans no que estes dispoñían de 2 horas para facer o achegamento, levante e persecución. A proba foi, como en edicións anteriores, todo un éxito e os 23 xuíces encargados de xulgar a proba, contabilizaron un sen fin de levantes de xabaril e avistamentos que fixeron as ledicias do numeroso público que seguiu o discorrer desta proba. Un público que en cada edición achégase en maior número para gozar da calidade dos cans e monteiros que participan nesta proba pioneira. Foi o lote do cántabro Victor Odriozola Zamanillo o que acadaba o primeiro posto e se convertía no campión desta edición da Copa Federación de Cans de Rastro sobre Xabaril Salvaxe sen Morte. O lote do asturiano Manuel Garci Granda, campión da edición de fai dous anos, obtivo o segundo posto. Xa na terceira posición remataba o cántabro Enrique Navedo González. O resto da clasificación resultaba do seguinte xeito: 4º posición para o galego Luis Mantiñan Pan, en 5º Manuel Leira Sanda, 6º Abelardo Trillo Pérez, en 7ª Francisco José Garcia Fernández, en 8º José Manuel Gutiérrez Cosío en 9º Antonio Castro Fernández e en 10ª posición Angel Montero Toimil. O can de nome “Zar” propiedade do galego Antonio Castro Fernández, “Sandi” de Iván Costa Pérez e “León” de José Manuel Gutiérrez Cosío, foron os cans máis destacados e premiados nesta VIII edición. |