ENTRADA LIBRE E GRATUITA |
O Concello de Laracha organiza unha charla informativa sobre a Lei de Protección de Animais |
9/5/2016 |
A Directora Xeral de Conservación da Natureza, Ana Díaz, estará mañá martes na Laracha para explicar o contido do anteproxecto da nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía, así como as melloras que se incluirán na normativa tralas propostas presentadas polas diferentes entidades e asociacións durante o período de exposición pública. O encontro celebrarase a partir das 19:30 horas na Casa da Cultura, con entrada libre e gratuíta para todas as persoas que desexen acudir e resolver todas as súas dúbidas ao respecto. Esta nova lei está a ser tramitada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co obxectivo de establecer as normas que garantan a protección e benestar, así como a posesión e tenza responsable, dos animais de compañía, incluíndo os silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos. Entre os contidos a tratar na charla están o uso dos cans en actividades cinexéticas ou, entre outras moitas cuestións, determinadas prohibicións na utilización de ferramentas de adestramento dos animais domésticos. |