TRÁMITES E REQUISITOS |
A licenza interautonómica de caza xa é unha realidade |
19/11/2015 |
Tal e como adiatábamos onte no Facebook da Federación Galega de Caza, a partir do vindeiro 25 de novembro xa será posible tramitar a licenza interautonómica de caza na Comunidade Autónoma de Galicia. Este documento habilita ao seu posuidor a exercer a caza (ou a pesca no seu caso) nas comunidades Castela e León, Extremadura, Madrid, Aragón, Principado de Asturias, Valencia e a propia Galicia. É necesario lembrar que esta licenza non substitúe á licenza de caza de Galicia, que se poderá seguir obtendo de maneira individual e do mesmo xeito que se ven facendo ata o de agora. A continuación detallamos os procedementos e requisitos para obter a licenza interautonómica, tal e como nos ven en informar a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Inicialmente a emisión destas licenzas só poderá realizarse nos servizos de Conservación da Natureza provinciais e nos servizos centrais da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Para a emisión destas licenzas deberá terse en consideración o seguinte: 1.- Requisitos para a obtención da licenza interautonómica de caza ou de pesca nas augas continentais: Para que as comunidades autónomas signatarias expidan a licenza interautonómica de caza ou de pesca, será preciso o cumprimento por parte do interesado dos seguintes requisitos: 1.- Ser cidadán español ou extranxeiro residente en España. 2.- Solicitude de licenza interautonómica: Os datos obrigatorios que debe completar a solicitude da licenza serán o nome e apelidos do interesado, o enderezo habitual, o número de DNI para cazadores ou pescadores nacionais ou o NIE para os extranxeiros residentes e a data de nacemento, conforme ao modelo de solicitude establecido no Convenio. Descargar solicitude No caso de menores de idade, deberán figurar tamén os datos do titor legal ou representante. A acreditación previa dos requisitos para a obtención da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais, realizarase mediante declaración responsable. O solicitante deberá presentar a solicitude de licenza que inclúe a “declaración responsable” debidamente cumprimentada xunto co xustificante de ter abonado a taxa correspondente perante os servizos provincias ou servizos centrais para a obtención da correspondente licenza. 3.- Importe da taxa: A taxa por expedición das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais será de 70 euros para a licenza de caza e de 25 euros para a de pesca. Non serán de aplicación as exencións ou bonificacións que teñan recollidas as Comunidades Autónomas asinantes nas súas respectivas Leis de Taxas. Segundo o establecido no porpio convenio, esta taxa incrementarase anualmente aplicando unha porcentaxe de actualización do 1,5%. O plazo de validez da licenza será dun ano, contado a partires do día da súa expedición. |