MUNICIÓN DE CHUMBO |
Reunión cos Grupos Parlamentarios |
17/09/15 |
A Federación Galega de Caza comeza a rolda de contactos cos representantes dos diferentes grupos parlamentarios, co obxecto de para-la desfeita que suporía, para os cazadores galegos, prohibi-la caza con munición de chumbo fóra dos humedais (nos que xa está prohibido) como se pretende a través dunha proposición de Lei do BNG que modificaría a actual Lei de Caza. A proposición de Lei foi tomada en consideración polo Parlamento de Galicia o 22 de xuño, e de inmediato a Federación Galega de Caza solicitou unha reunión con cadaún dos grupos parlamentarios para mostrarlle o desacordo dos preto de 50.000 cazadores galegos. Onte, unha comisión federativa, integrada pola xunta executiva e os presidentes provinciais, reuníase con representantes do Grupo Parlamentario Popular, e nas próximas semanas farao cos representantes do PSdeG-PSOE, BNG, Grupo Mixto, e AGE, para informalos da posición dos cazadores galegos sobre esta medida, presentándolle argumentos sólidos avalados por un informe sobre as investigacións científicas realizadas en Galicia o cal conclúe que a presenza de munición de chumbo tanto no medio como nas especies silvestres é insignificante, polo que non xustifica tal prohibición, ao contrario, a fonte máis importante de chumbo non é precisamente a munición de caza. Por outro lado, de seguir adiante esta proposta, Galicia sería a única rexión da CEE na que, sen darse a característica de ser un humidal a maior parte do seu territorio, prohibiría o uso deste metal, discriminando aos cazadores galegos respecto os do resto de España e de Europa. |