RASTRO COELLO
Francisco Pascual con "Pepa", foi o Gañador do VI Campionato de Rastro de Coello "Cara de Can"
12/09/2015

Organizado pola Federación Galega de Caza de Pontevedra, a que contou coa colaboración da Sociedade “ A Laxe” que preside Francisco Domínguez Fernández, cedendo os terreos do Tecor de  Fornelos de Montes. Unha climatoloxía moi axeitada para o seu desenrolo. Un fenomenal ambiente e unha participación de 19 cadelos, o pasado  día 12 de setembro disputábase nesas terras da montaña pontevedresa o VI Campionato de Cans de Rastro, especialidade “A Cara de Can”.

Unha modalidade que consiste en buscar, levantar e seguir a peza can contra can. Careo que se realiza mediante sorteo e no que han de amosar as habilidades os protagoinistas. O exercicio realízase en tres campos. De cada unha destas cuadrillas sairán dous semifinalistas que se medirán entre eles e dos que dous pasarán a final.  

O exercicio desenvolveuse nun  monte de vexetación baixa, cunha densidade de coello suficiente e que gustou moito ao persoal. De xuíces actuaron os titulares:  Nicolás Castro Rodríguez, que tamén foi o Director da contenda venatoria. Emilio Bolaño e Juan A. Alonso. 

A clasificación quedou deste xeito:

1º e Campión 2015.- Francisco Pascual Favorecido, con “Pepa” (podenco).

2º e subcampión, Francisxo Bautista Bugarín, con “Rambo” (podenco).

3º Martín Carballo, con “Carimbo” (podenco).

Sinalar tamén neste apartado, que o campión da pasada edición e que defendía o título,  Enrique Justo Garrido, viuse superado este ano ás primeiras de cambio polos adversarios que lle tocaron en sorte, non chegando nin a semifinal.

Coñecidos os resultados celebrouse, como ven sendo habitual, un xantar de confraternidade no Restaurante “Casa Chalán” (Estacas), onde o trato foi exquisito e a cociña fabulosa. Aos postres e antes de entregarse os trofeos e diplomas acreditativos, os representantes de Federación Pontevedresa a través de Juan A. Alonso quixeron ter un recoñecemento para  o que fora durante oito anos  presidente da Sociedade “Karsita” de Vilagarcía de Arousa e recentemente falecido, Xesús Manuel Rodríguez. Recordo que foi recollido pola súa filla María Rodríguez, a que precisamente obstenta na actualidade e de maneira exitosa, esa mesma presidencia.