DEMANDA RFEC |
A FGC gaña en primeira instancia o xuízo pola demanda interposta pola RFEC |
5/8/2015 |
A Federación Galega de Caza ven de gañar en primeira instancia o xuízo polo que a Real Federación Española de Caza reclamaba á autonómica o pagamento da cota nacional de tódalas licenzas federativas autonómicas emitidas durante o ano 2013. A sentencia considera probado que a FGC emitiu licenzas federativas de ámbito autonómico, sen efectos nacionais, procedendo de xeito correcto ao non existir norma legal ou contractual que a obrigase a emitir licenzas nacionais ou a habilitar con carácter nacional tódalas licenzas autonómicas. É máis, a propia sentencia apunta que a FGC en ningún momento propiciou a habilitación dos deportistas federados galegos para eficacia estatal, senón que a habilitación foi consecuencia dunha actuación unilateral da Federación Española de Caza quen obtivo os datos a través do CSD. A sentencia tamén sinala que non existe motivo para concluír que a actuación da FGC, emitindo licenzas autonómicas non nacionais teña o propósito de simulación co fin de facer propias cantidades que corresponden á RFEC en concepto de cota federativa. Deixa claro que a FGC decidiu emitir licenzas autonómicas, sen efectos nacionais, cobrando a súa cota federativa propia, non unha cota para a RFEC. Engade “esta decisión tiene una justificación práctica para los deportistas que no participan en actividades o competiciones oficiales de ámbito estatal o internacional, por ejemplo practicantes ocasionales de fin de semana en zonas de ámbito local”. A sentencia conclúe que non existe obrigación de pago que xustifique a reclamación realizada pola Real Federación Española de Caza, desestimando así a demanda interposta pola Federación Española contra a Galega. |