XUNTANZA |
A FGC trasládalle á Conselleira de Medio Ambiente a preocupación dos cazadores pola posible prohibición da munición de chumbo |
21/7/2015 |
Unha comitiva da Federación Galega de Caza encabezada polo seu Presidente, Javier Nogueira, e formada polos vicepresidentes José Luis Valcárcel e Francisco López Penela e o Secretario Xeral Ramón Rodríguez, así como representantes das catro federacións provinciais, reuníase na tarde de onte coa Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e coa Directora Xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado. A munición de chumbo, protagonista O motivo fundamental desta xuntanza era trasladarlle á máxima responsable autonómica en materia medioambiental a preocupación do colectivo de cazadores galegos pola posible prohibición da munición de chumbo. O máximo mandatario da FGC levaba baixo o brazo un completo argumentario para defender a postura da Federación a este respecto, que é a dos cazadores aos que representa: unha oposición total ante unha medida totalmente precipitada. A Federación Galega de Caza entende que a prohibición da munición de chumbo, máis aló da xa actual nas brañas, é totalmente precipitada, desinformada e carente dunha base científica sólida para ser levada a cabo. Ademais, unha medida de tal magnitude non pode partir dun goberno autonómico, que contradiga totalmente as medidas e estándares a nivel europeo e mesmo mundial, procedentes de países con alta concienciación ecolóxica onde mesmo se están a reverter estas prohibicións. Unha prohibición a nivel autonómico causaría un desaxuste lexislativo e pragmático, e un desequilibrio fatal para o cazador galego, que se vería nunha situación de illamento respecto ao resto do país, forzado a adquirir novas armas e novas municións, cun gasto netamente superior que o resto de cazadores nacionais e tendo que readaptar as súas necesidades cando se desprazase a cazar fóra da comunidade, algo moi habitual. A recepción desta argumentación por parte da Conselleira foi positiva, mais tanto a Consellería como a Federación dan importancia esencial á resposta dos grupos parlamentarios. Outros asuntos a debate A carteira de asuntos da FGC levaba outros temas a tratar coa Conselleira, ademáis da munición de chumbo, como a licenza interautonómica, o regulamento de caza e unha serie de propostas de colaboración entre a Federación e a Consellería. O Presidente da FGC interesouse pola situación da licenza interautonómica, un asunto que preocupa a ese máis do 27% de cazadores galegos que saen fóra de Galicia a practicar a súa afección. O seu prezo final, os prazos para a emisión definitiva, así como a forma e emisión e colaboración da FGC na mesma . Por parte da Conselleira manifestouse que está todo preparado para que dende Galicia se poidan facer licencias interautonómicas para o comezo da tempada regular de caza na nosa comunidade, mais isto non quere dicir que se faga xa que non depende exclusivamente do goberno galego. Pola súa banda, o regulamento de caza preocupa especialmente no eido federativo. A FGC quere participar na súa elaboración desde o principio, partindo dun borrador básico, e non atoparse cun documento xa pre-fabricado, cheo de trabas insalvables. Finalmente, a comitiva da FGC repasou outros temas de interese para os cazadores como as repoboacións e aproveitamento de zonas afectadas por incendios, ou os períodos de adestramento e de descanso de pezas. Ao remate da xuntanza o Presidente da FGC manifestaba o as boas sensacións da mesma, en xeral positivas. |