MUNICIÓN CHUMBO
O Presidente da FGC solicita varias entrevistas cos máximos representantes da administración para tratar o tema da munición de chumbo
29/6/2015

A pasada semana a Federación Galega de Caza emitía un comunicado de prensa facendo chegar a súa postura acerca da admisión a trámite dunha posible modificación da Lei de Caza de Galicia, en relación coa prohibición da munición de chumbo, que consideraba totalmente precipitada.

Agora, e en consecuencia con esta postura, o Presidente da FGC, Javier Nogueira ven de solicitar varias entrevistas cos máximos representantes da administración autonómica galega co fin de tratar este asunto con profundidade e antelación, facéndolle chegar a opinión maioritaria do colectivo de cazadores galegos.

Así pois o máximo mandatario da Federación ven de solicitar entrevistas co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e coa Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, así como cos representantes dos cinco grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia.

Igualmente, Nogueira ven de solicitar tamén unha xuntanza co Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, para trasladarlle o sentir dos cazadores galegos en diversos temas relacionados coa caza nos que este organismo se ten pronunciado, aparentemente sen ter coñecemento real do que é a actividade cinexética.