RRCC ARCO LUGO
Arqueiros en Terra de Lemos
13/5/2015

Campionato Provincial de Lugo de Percorridos de Caza con Arco

O pasado domingo 10 de maio tiña lugar unha destacada cita para os arqueiros lucenses, nada menos que a fase provincial do Campionato de Percorridos de Caza con Arco que nesta ocasión tiña como escenario as terras de Lemos.

Baixo a organización da Federación Galega de Caza en Lugo e coa colaboración do Clube Arcolemos o campo de tiro de “As Lamas” sito en Monforte de Lemos, acollía a tódolos participantes que dende primeira hora da mañá se enfrontaban as complexas e entretidas propostas deseñadas pola organización.

Foi o arqueiro Oscar Arias Díaz o que se fixo co primeiro posto da clasificación de Arco Asistido ao rematar o percorrido cun total de 268 puntos. Moi preto de Arias situábase a tan so 2 puntos Adán Alonso Medín en segunda posición. Xa no terceiro posto do podio remataba Juan Carlos Fernández Vázquez con 264 puntos.

Na modalidade de Arco Tradicional o campionato recaía en José Manuel Arias cun total de 138 puntos. Con 108 puntos e en segunda posición finalizaba Iago Arias Lemos. Pedro Fernández tíñase que conformar co terceiro posto e 78 puntos.

En Junior Abel López Fernández remataba con 148 puntos o que o convertía en todo un campión por diante de Adrián López Fernández que se situaría con 80 puntos en segunda posición.