EN DEFENSA DA CAZA
A FGC estivo presente na manifestación en Defensa da Caza de Toledo
12/5/2015

Máis de 6.000 cazadores se deron cita en Toledo na manifestación en prol da Caza

Milleiros de cazadores manifestáronse o pasado sábado 9 de maio nas rúas de Toledo para defender e reivindicar a caza como actividade tradicional e compatible coa conservación da Natureza. Este acto deu resposta aos ataques que nos derradeiros meses veu recibindo o sector cinexético por parte dos colectivos radicais anti-caza.

E como non, a Federación Galega de Caza estivo representada polo seu Secretario Xeral Ramón Rodríguez Cobas e polo Coordinador de Competicións José María Álvarez Villar que trasladaron e aportaron o apoio dos cazadores galegos a estes actos en defensa da caza.

Aparte da FGC, a esta manifestación tamén acudiron representantes das Federacións de Castela a Mancha, Castela e León, Aragón, Andalucía, Navarra e da Oficina Nacional da Caza que xunto cos máis de 6.000 cazadores manchegos reivindicaron a defensa da caza social, a cetrería, a caza da perdiz con reclamo e o silvestrismo entre outros puntos.