DESPIDOS
O conflito entre a RFEC e as Federacións integradas no F8 cóbrase as primeiras vítimas
30/4/2015

Segundo puido saber a Federación Galega de Caza, a través de fontes consultadas, a Federación Española de Caza comezou a despedir a semana pasada a varios traballadores do seu equipo, algúns deles con máis de 20 anos de antigüidade ás súas costas. Son os primeiros damnificados dun conflito que mantén o Presidente da RFEC con oito federacións autonómicas dende o proceso electoral celebrado no pasado 2012. Proceso electoral que foi anulado por sentenza firme da Audiencia Nacional de data 23-5-2014.

A finais do pasado mes de decembro o presidente da RFEC convocaba eleccións para dar, pretendidamente, cumprimento ao disposto na sentenza ditada pola Audiencia Nacional. A convocatoria realizábase tendo en conta o censo do ano 2014, non o do 2012 como establecía a sentenza aclarada por auto de data 21-7-2014.

A nova convocatoria foi anulada por Resolución do Tribunal Administrativo do Deporte, con data 16-1-2014, na que se ordenaba á RFEC que procedera a convocar as eleccións conforme ao censo electoral do ano 2012.

O Presidente nacional, lonxe de tratar de arranxar a situación, convocando o proceso electoral como recolle a sentenza, desoíu aos Tribunais, ao CSD, e a cantos dunha ou outra forma teñen tratado de poñer fin a este conflito, e así, en pouco máis de dous anos, unha das federacións máis reputadas e solventes a nivel estatal ve como día a día se vai desintegrando, pero a pesar diso o seu presidente se aferra ao seu bastón de mando, mentres o seu persoal atravesa os seus momentos máis críticos, a semana pasada comezaron a despedir unha parte deles.

Os traballadores da FGC, xunto con compañeiros doutras Federacións Autonómicas solidarízanse co persoal da RFEC.

Os traballadores da Federación Galega de Caza, e da maior parte das Federacións Autonómicas, recibiron a noticia con gran sorpresa e pesar, e manifestaron a súa repulsa pola situación que están a vivir os compañeiros da Federación Española, ao tempo que se puxeron a disposición dos compañeiros despedidos para mostralos a súa solidariedade e apoio a cantas iniciativas sexan necesarias, ao tempo que piden a todas as Federacións que se abra o diálogo para reverter unha situación que é allea ao propio persoal.