TEMPADA CINEXÉTICA 2015/2016 | |
Conclúe o Comité Galego de Caza 2015 | |
19/3/2015 | |
Na mañá de onte, mércores día 18 de marzo, tivo lugar a xuntanza do Comité Galego de Caza, cuxos acordos servirán de base para confeccionar a “Resolución de Vedas” que regula os períodos hábiles de caza das distintas especies cinexéticas para a vindeira tempada de caza 2015/2016. Dito Comité estivo composto polos diferentes representantes dos cazadores galegos, entre os que se atopaban os catro presidentes provinciais da Federación Galega de Caza, o Secretario Xeral da FGC, o Secretario Xeral da FGC de Pontevedra, e todos eles encabezados polo presidente da FGC, Javier Nogueira Diz. Tamén estiveron representadas as asociacións de caza, entre as que se atopaba a Asociación Lucense de Caza, e representantes da administración autonómica. O Comité, presidido pola directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, foi inaugurado pola conselleira de Medio Ambiente Ethel Vázquez, que destacou a gran importancia deste órgano consultivo en materia de caza para Galicia. No transcurso da reunión, analizáronse as propostas dos catro comités provinciais de caza , de cara a establecer a normativa que regule os períodos hábiles e as especies que serán obxecto de caza na vindeira tempada. A FGC participou activamente na xuntanza, achegando as inquedanzas dos cazadores galegos recadadas nos diferentes comités así como as suxestións recibidas a través da páxina web da FGC por parte de centos de cazadores galegos.
Queda todo emprazado para que sexa a Consellería do Medio Ambiente e Infraestruturas a que fixe, coa publicación da Resolución de Vedas, as regras que rexerán a práctica cinexética na nosa comunidade na vindeira tempada. | |