ELECCIÓNS RFEC
Oito federacións autonómicas de caza denuncian a farsa da RFEC e o CSD
19/11/2014

Ante a publicación no día de onte do censo inicial da repetición do proceso electoral da Real Federación Española de Caza, as Federacións de Caza de Andalucía, Aragón, Castela A Mancha, Castela León, Estremadura, Cataluña, Navarra e Galicia queren manifestar publicamente o seu máis absoluto rexeitamento pola nova farsa orquestrada dende a presidencia da RFEC co consentimento do CSD que durante meses, mesmo anos, permitiu que o desgoberno e a ruína económica se instalasen na RFEC.

Así mesmo, consideramos que a publicación deste censo inicial supón un grave incumprimento da sentenza ditada pola Audiencia Nacional que anulou o último proceso electoral da RFEC na súa totalidade e condenaba a esta e ao CSD a repetilo cos censos do ano 2012.

As Federacións de Caza informantes entenden que a actual situación da RFEC é responsabilidade directa da desidia e permisividade do CSD que incumpriu gravemente as súas obrigas legais de tutela do deporte federado español e desoíu de xeito reiterado as peticións do máis do 60% dos cazadores federados españois para que interviñese.

Por último, as Federacións de Caza informantes entenden que o máximo responsable desta lamentable situación federativa é don Miguel Cardenal, Secretario de Estado do Deporte, que pola súa inactividade vai permitir que se desintegre e desapareza, a RFEC, a segunda federación española máis importante en número de federados.