EVH COELLO
A FGC elabora un informe do estado da enfermidade vírica hemorráxica do coello nos Tecores galegos
23/10/2014

Ademais, pon á disposición das sociedades de caza kits de recollida de mostras de coello en tódalas oficinas federativas

O pasado mes de agosto a Federación Galega de Caza poñía en marcha unha campaña de información e investigación sobre a nova variante da Enfermidade Vírica Hemorráxica (EVH) do coello de monte, elaborando un protocolo de información, prevención e medidas de precaución. Esta documentación foi remitida a tódalas sociedades de caza federadas, co fin de informalas desta situación e achegarlle tódalas claves da mesma.

Nas semanas seguintes á recepción desta documentación, máis de 130 sociedades de caza de toda a xeografía galega foron consultadas sobre a situación desta enfermidade no seu Tecor. Cos datos obtidos, a FGC ven de elaborar un informe estatístico que analiza, entre outros aspectos, o coñecemento desta enfermidade por parte das sociedades, cales tomaron mostras, que pautas seguiron para tomalas, as repoboacións realizadas, a súa procedencia, ou as medidas tomadas para evitar o espallamento da enfermidade.

O informe está a disposición de tódalas sociedades federadas que desexen consultalo, para o cal só se teñen que poñer en contacto coa Federación Galega de Caza, que llo fará chegar do xeito que lle sexa máis conveniente.

Nesta mesma páxina web, segue a disposición de tódolos cazadores, en formato dixital, o protocolo de actuación e unha ficha de recollida de mostras xunto coas pautas básicas para a súa recollida. Tamén estaba dispoñible para a descarga un directorio de centros de recollida das mesmas e de axentes territoriais e zonas de gardería da Consellería de Medio Ambiente, aportando así un medio de contacto e colaboración coa Administración na investigación e prevención desta enfermidade.

Ademais, a FGC ven de poñer a disposición das sociedades de caza federadas uns kits de recollida de mostras, en tódalas oficinas federativas galegas co fin de facilitar a recadación de mostras de coellos infectados, un paso esencial e determinante para avanzar na prevención desta enfermidade que ameaza os montes galegos, e que coa colaboración de tódolos membros implicados de seguro conseguiremos evitar o seu espallamento.

Como complemento a esta campaña, e aproveitando a consulta coas sociedades, a FGC está a realizar outro estudo coa situación dos danos do xabaril, que será publicado proximamente.