FORMACIÓN
Preto de cen persoas no Curso de Seguridade celebrado en Ortigueira
15/9/2014

Este sábado, 12 de setembro tiña lugar no Concello de Ortigueira, na provincia da Coruña, unha nova edición do Curso de Seguridade: Formación de Responsables de Cacería que ven celebrando a Federación ao longo do ano. Concretamente foi o Teatro da Beneficiencia, en Ortigueira, o que acolleu esta nova xornada de formación á que acudiron preto dun centenar de cazadores de toda a zona norte da comunidade.

Trala entrada en vigor da nova Lei de Caza de Galicia, a Federación Galega de Caza puxo en marcha, en colaboración co FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,  un calendario formativo no que levan participado máis de 1.400 cazadores, de tódalas provincias, que recibiron formación sobre a nova lexislación, a organización das cacerías, as armas e municións, e sobre a seguridade e sinistralidade nas mesmas, nos que ademais tiveron ocasión de resolver dúbidas mediante preguntas a profesionais cualificados.

Non se descarta organizar máis cursos de formación –totalmente gratuítos- nas vindeiras semanas, dada a excelente acollida que levan tendo durante toda a tempada.