PERCORRIDOS CAZA
Francisco Rivero adxudícase o Memorial en Río Sar
20/8/2014

Campionato de Percorridos de Caza Memorial José e Manuel Cea Seoane

O pasado 9 de agosto disputouse no Campo de Tiro Río Sar, unha cita xa consolidada dentro da modalidade de Percorridos de Caza en Galicia, o Memorial José e Manuel Cea Seoane disputado en 4 campos a 100 pratos e organizado pola Sociedade Deportiva Río Sar.

Á proba acudiron un total de 50 tiradores chegados das catro provincias galegas e dende fora das nosas fronteiros, concorrendo tiradores de Navarra, Castela e León, Madrid, Asturias, etc.

Rematada a competición, foi o tirador pontevedrés Francisco Javier Rivero Martínez o que acadaba o primeiro posto da clasificación Xeral ao escachar un total de 90 pratos. A tan so 2 pratos de Rivero situouse o tirador Antonio Iglesias Otero con 88 pratos derribados. O terceiro caixón do podio foi ocupado polo tirador Daniel Domínguez Treinta con 86 pratos.

Na categoría de Veteranos o campión foi o tirador Elisardo Cea Cebreiro con 86 pratos escachados. José González Yáñez e Antonio Castro Ferreiro acadaban o segundo e terceiro posto con 80 e 76 pratos, respectivamente.

Na categoría Junior o gañador era Daniel Vicente Pintus con 76 pratos e en Superveteranos impoñíase Ángel Mosquera Rodríguez con 70 pratos.

Rematada a competición e durante a entrega de premios, a Sociedade Deportiva Río Sar quixo facer unha mención especial as casas e entidades patrocinadoras: Clínica Dental Elisardo Cea, Neumáticos Pájaro, Asesoría Sarela, Beirasar de Xestión, Concello de Trazo e Federación Galega de Caza; así como un agradecemento especial aos árbitros da competición.

Un xantar de irmandade puxo o colofón a este Memorial.