AGILITY
A FGC reúnese cos clubs de Agility de Galicia
18/8/2014

A FGC mantivo nos pasados días unha xuntanza cos representantes dos clubs de agility de Galicia, para informarlles que a Secretaría Xeral para o Deporte ven de da-lo visto e prace á incorporación da especialidade deportiva de agility á Federación Galega de Caza, unha nova disciplina deportiva que se suma así ás 12 tuteladas actualmente pola FGC (paxariles, compak sporting, percorridos de caza, rastro de xabaril, rastro de coello, san huberto, cans de parada, cetraría, arco, caza menor, arceas, e raposo).

Participaron na xuntanza a práctica totalidade dos clubs de agility existentes na CCAA. A xuntanza, presidida polo presidente da FGC, acompañado de Fernando Estévez da FGA, arrancaba informando aos asistentes que para poder afiliarse á FGC é preceptivo, conforme ao establecido na Lei do Deporte, estar inscrito no Rexistro de Entidades Deportivas, ao tempo que se lle ofrecían os servizos federativos para realizar este trámite.

Un dos puntos que xerou maior debate foi a regulamentación de Agility, e a actual normativa do campionato de España; neste senso o presidente da FGC comprometeuse a comunicar á RFEC que, unha vez asumidas as competencias do agility en Galicia, a interlocutora a tódolos efectos será a Federación Galega de Caza, ao tempo solicitará a correspondente cota de participación no campionato estatal, ao igual que existe no resto das disciplinas deportivas.

En canto ao Regulamento Autonómico quedouse en manter unha próxima xuntanza para a súa revisión, xuntanza na que poderán participar aqueles clubs que estean afiliados á FGC antes do 31 de agosto.

Tamén se falou do calendario e da organización das competicións autonómica, así como da titulación e homologación dos xuíces desta especialidade.