VISITA
Un novo grupo de futuros coidadores do medio natural achégase á FGC para coñecer a súa función dentro da caza en Galicia
12/8/2014

Na mañá de hoxe achegábase á sede da Federación Galega de Caza, en Santiago de Compostela, unha nova promoción do Curso de Protección e Control do Medio Natural que se está impartir no centro de Formación San Paio do Monte, CIFP Santiago.

Trala enriquecedora xuntanza no pasado mes de febreiro, os responsables deste curso decidiron facer unha nova visita á FGC cun novo grupo de estudantes, para coñecer o funcionamento da Federación Galega de Caza, como entidade representante do colectivo cinexético galego, así como achegar o punto de vista dos cazadores a estes futuros vixiantes do medio natural.

A charla estivo conducida polo Presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, quen comezou dando un breve repaso ás actividades e funcionamento da Federación, para logo dar paso a unha rolda de preguntas onde os asistentes lle achegaron as súas dúbidas, inquedanzas e suxestións ao Presidente.

Novamente a diversidade de opinións e puntos de vista sobre a caza que se deron cita nesta xornada, enriqueceu o debate para ambas partes. Sen dúbida, este tipo de xuntanzas son moi frutíferas tanto para os propios estudantes como para a Federación Galega de Caza, pois resulta moi didáctico coñecer de primeira man as opinións e puntos de vista destes futuros coidadores do medio natural.