COMUNICADO
A FGC responde as informacións sobre o expediente do Comité Galego de Xustiza Deportiva
8/8/2014

Ante as informacións aparecidas no día de hoxe, nalgúns medios de comunicación, nos que se fai alusión a que a Federación Galega de Caza (FGC) foi condenada polo Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) por irregularidades, e á vista da falta de rigor na que incorre algunha publicación, a FGC quere precisa-lo seguinte:

 

  1. É falso que a FGC fose condenada, pois o propio CGXD declara na súa resolución de   23-5-2014 que non procede a apertura de expediente disciplinario algún, e acorda o arquivo das actuacións.

 

  1. O que declara o CGXD, na súa resolución de data 21-7-2014, é a nulidade do nomeamento do Presidente Provincial da FGC en Lugo, trala súa elección pola asemblea provincial, ao considerar que estaría incurso na causa de inelixibilidade prevista no art. 47 dos Estatutos da FGC, que sinala que non poderá ser elixido Presidente da FGC quen ostentase dito cargo durante os tres mandatos anteriores.
  2. A este respecto  a FGC considera que dita causa de inelixibilidade é aplicable exclusivamente –tal e como se deduce da propia letra dos estatutos- ao Presidente da FGC e non por tanto aos delegados provinciais, designados expresa e literalmente como tales, e como meros órganos complementarios dentro da estrutura federativa, nos artigos 49.3 ey 16.b.1 dos Estatutos, ostentando o Presidente da FGC, como órgano executivo e de representación conforme ao disposto nos arts. 11, 13 e 39 das normas estatutarias, a capacidade de nomealos e cesalos, de acordo co previsto nos arts. 12, 40.2 f) e 54.3 das mesmas.

 

  1. A FGC non comparte a interpretación dos Estatutos que se fai por parte do CGXD, que sinalando na súa resolución que se trata dun “complexo problema xurídico” alude á costume ou uso interno da Federación como argumento para concluír que as causas de inelixibilidade previstas nos Estatutos para o Presidente da FGC serán tamén aplicables aos delegados provinciais. A FGC non considera en absoluto axustado a dereito tal criterio, pois entende que nin os Estatutos nin os precedentes existentes na Federación amparan tal interpretación, por elo formulará os recursos en vía administrativa e xudicial que sexan pertinentes.

 

  1. Por último, e co fin de contextualizar a denuncia formulada, débese engadir que a persoa que a formulou ostenta o cargo de vicepresidente dunha sociedade de caza cuxo proceso electoral foi anulado por Resolución da Xunta Electoral da FGC de data 11-7-2011, decisión que foi ratificada por Resolución do CGXD de data 23-3-2012, e confirmada definitivamente por Sentencia firme do 18-12-2013, ditada polo Xulgado do Contencioso núm. 1 de Santiago de Compostela, a pesar de todo o cal, e tras tres resolucións confirmatorias de anulación das eleccións por incumprimento flagrante da normativa electoral, o referido denunciante continúa na actualidade ostentando dito cargo na directiva da citada sociedade.