RASTRO XABARIL
Supremacía galega no Campionato de España de Xabaril
21/7/2014

O pasado sábado día 19 de xullo desputábase a fase final do Campionato Nacional de Cans de Rastro Atraelados sobre Xabaril que era acollido en Galicia, concretamente no concello coruñés de Touro e baixo a organización da Real Federación Española de Caza.

Un campionato que foi dominado polos monteiros galegos e que deron moi poucas oportunidades o resto de participantes chegados das diferentes comunidades do norte peninsular. Todos eles clasificados através das diferentes fases provinciais e autonómicos da especialidade.

Foi o monteiro coruñés Francisco Rodeiro Eiras, actual campión galego da especialidade, o que co seu can mestizo de nome “Cho” o que acadaba este Campionato Nacional e subía ao máis alto do podio. O tamén coruñés, Manuel Rodeiro Louzao acadaba a medalla de plata desta final co seu can “Rato”. O terceiro posto era para o tamén galego, Iván Fernández Pereira, campión da modalidade no 2012, e que recollía nesta edición a medalla de bronce co seu can “Turé”. Destacar tamén o sétimo posto acadado polo monteiro lucense José Manuel Fernández Fernández co can mestizo de nome “Bisbal”.

O resultado deste Campionato Nacional demostra unha vez máis a calidade dos monteiros galegos nesta modalidade cinexética acadada nos derradeiros anos nos que se obtiveron varios podios e dous títulos nacionais.