FORMACIÓN |
A FGC impartirá máis dunha ducia de cursos de seguridade por toda a xeografía galega |
4/7/2014 |
Durante os meses de xullo e agosto, e como preámbulo ao comezo da tempada de caza maior, a Federación Galega de Caza impartirá os cursos de seguridade previstos para este ano. Tralo éxito do curso inaugural, que tivo lugar durante a Feira de Caza, Pesca e Natureza de Silleda, con máis de 120 asistentes, a FGC segue co seu plan de organizar polo menos tres cursos máis por cada provincia, que nalgúns casos superarán esta cifra. Estes cursos estarán repartidos dentro de cada provincia, tratando sempre de localizarse en puntos céntricos para que se poidan desprazar o maior número de cazadores posibles. Baixo o título “Curso de Seguridade: formación de responsables de cacería”, este curso orientado especialmente a responsables de cacería –pero indicado para tódolos cazadores interesados en formarse en materia de seguridade- inclúe os seguintes bloques didácticos: Armas, municións e dispositivos auxiliares, Lexislación, e Organización de cacerías. Ademais, todos eles rematarán cunha mesa redonda de debate onde os asistentes poderán expoñer as súas dúbidas e cuestións referentes ás medidas de seguridade na caza aos relatores, entre os que se atopan cazadores con grande experiencia en cacerías, avogados, e directivos expertos en materia de seguridade e lexislación. Tódolos asistentes ao curso, que por suposto é totalmente gratuíto e aberto a tódolos cazadores, recibirán un diploma acreditativo de asistencia. Pode consultar tódalas datas dos cursos así como os métodos de contacto para inscribirse, na seguinte ligazón: Cursos de Seguridade 2014
|