ENTREGA
O federado máis novo da historia da FGC recibe a súa federativa de honra
6/6/2014

Durante a xornada do pasado 29 de marzo, onde máis de 600 cazadores se deron cita en Lugo para asistir á presentación oficial da nova Lei de Caza de Galicia,  e probablemente algúns dos asistentes nalgún momento se distraeron ou perderon a concentración nas exposicións dos conferenciantes alí presentes.

Non foi o caso de Hugo Rodríguez, un rapaz que por aquel entonces non contaba con máis de 10 meses de vida, pero que sen embargo amosou unha atención e un comportamento exemplar ante toda a exposición da xornada, sentado na súa “butaca” particular.

Ante tal demostración de saber estar e o interese que mostraba polo que alí acontecía, o Presidente da FGC, Javier Nogueira, prometeu ante os asistentes que se lle outorgaría unha licenza federativa de honra, como recoñecemento a tan temperá paixón e atención pola caza.

Así pois, no día de onte, tiña lugar na sede da Federación Galega de Caza en Lugo, o acto de entrega desta licenza federativa a Hugo Rodríguez quen, no mesmo día no que cumpría o seu primeiro ano de vida, recibía de mans do Presidente Provincial de Lugo, Francisco López Penela, o documento que o acreditaba como o federado máis novo da historia da Federación.

Dende a Federación Galega de Caza agardamos que, dentro de 15 anos, poidamos ver de novo a Hugo recollendo de novo a súa licenza federativa para, entón si, poder ir gozar da súa paixón no monte.