Revista de Prensa


O presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, recoñece en Radio Obradoiro que "vai supoñer un avance", e destaca as novidades introducidas a respeto da responsabilidade patrimonial e da seguridade xurídica
· 141/2014

"Satisfeitos máis ca contentos". Así están os membros da Federación Galega de Caza coa nova Lei de Caza de Galicia publicada o pasado día 8 no DOG. Unha norma que, segundo a Xunta, "fomenta unha actividade máis sostible e responsable, e impulsa o desenvolvemento rural".

O presidente da Federación Galega de Caza recoñecía este martes en Radio Obradoiro que o camiño que desembocou na aprobación desta lei "non foi o máis cómodo". A puntuación que lle dá Javier Nogueira é "de 6 sobre 10". Considera positivas as novidades relativas "á responsabilidade patrimonial e á seguridade xurídica nas zonas de seguridade", pero recoñece que hai outras cuestións mellorables. De feito, confía en que se poidan introducir modificación "vía regulamento".

Para Nogueira, outro dos aspectos positivos é o cambio de postura por parte da administración, que deixa de considerar ós cazadores como parte do problema: "agora considérase que contribuimos ó equilibrio do sistema, e non que o perxudicamos". Ó seu xuízo, esta lei "vai supoñer un avance".

Ó que se opón frontalmente a Federación Galega de Caza é a modificación da Lei Nacional do Deporte no seu artigo 32.4, xa que "deixa sen competencias ás federacións deportivas autonómicas". Para Nogueira, suón "retrotraernos a un ambiente preconstitucional nas competencias deportivas transferidas". Neste sentido, apoian totalmente a postura da Xunta e a do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que tamén están en contra.