A norma foi aprobada cos votos do Partido Popular, mentres se abstivo o PSDEG, que admitiu a necesidade de renovar unha lei de fai 16 anos, aínda que non as solucións que a norma propón, e mostráronse en contra Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e o BNG.
O 'popular' Santiago Freire destacou a envergadura desta actividade, para a que hai en Galicia 50.000 licenzas, e xustificouna polos cambios no territorio desde a anterior norma, que data de 1997.
Apuntou que o ámbito de aplicación da lei é máis do 80 por cento do territorio galego e que esta actividade xera 90 millóns de euros anuais vinculados á alimentación de cans, venda de remolques, fabricación e venda de armas, vestiarios e complementos, actividade hostaleira ou a contratación de xestorías.
Ademais, destacou a función social da caza e citou que o pasado ano abatéronse en Galicia uns 15.000 xabarís, co que se evitaron danos na agricultura e a gandería.
A oposición insistiu, do mesmo xeito que apuntaran os seus portavoces durante a tramitación da norma, en que non avanza en materia de seguridade, non resolve os problemas causados pola fauna salvaxe e non dinamiza o medio rural.
A deputada socialista Patricia Vilán remarcou que lle segue causando dúbidas o fondo de corresponsabilidade para os danos por animais salvaxes, posto que non existen fondos consignados na lei.
Ademais, lamentou que o PP non aceptase que a idade mínima para poder cazar sexan os 18 anos, e non os 16 que mantén a lei para unha actividade na que se empregan armas.
Antón Sánchez, de AGE, tamén defendeu elevar a idade mínima para exercer esta actividade «perigosa» e a esixencia de que haxa que cazar en perfectas condicións físicas e mentais, mentres criticou que non se aceptasen emendas do seu grupo, como unha que apostaba por controis de alcoholemia «preventivos» entre os cazadores.
Ao seu xuízo, a norma non avanza nas medidas de seguridade nin na conservación de especies cinexéticas.
Para a nacionalista Ana Pontón, o proxecto de lei nin avanza no papel social ou tradicional da caza nin nunha xestión máis democrática.
O representante popular, Santiago Freire, asegurou que a norma«va a ser una herramienta útil y un mecanismo adecuado para dar cumplimiento a las necesidades de la actividad cinegética en Galicia».
O debate virou ao redor de dous eixos: a necesidade de compatibilizar a caza coa seguridade para as persoas e a conservación das especies.
Satisfacción entre os afeccionados
O texto definitivo da Lei de Caza de Galicia deixou satisfeito ao colectivo de cazadores. «Tivéronse en conta as nosas propostas e cremos que estamos máis apoiados», sinalou Francisco Couselo, presidente da Federación Galega de Caza en pontevedra.
O seu homólogo autonómico, Javier Nogueira, destacou que, «después del borrador que había de la ley y de todas las alegaciones que se habían hecho, podemos decir que estamos satisfechos. Se puede decir que se han recogido nuestras alegaciones en un 80 por ciento, así que yo creo que es para estar contentos». |