COMUNICADO
Cando a liberdade de expresión muda en acoso
21/3/2014

As redes sociais son hoxe en día unha ferramenta fundamental de comunicación a nivel mundial, non so entre persoas senón tamén entre persoas e institucións. Por ese motivo, hai pouco máis dun ano a Federación Galega de Caza decidía unirse a rede social máis importante de Internet, Facebook, co fin de ofrecer un canal máis de información aos cazadores galegos interesados na actividade da Federación, cumprindo así cunha das peticións que moitos cazadores federados reclamaban.

A FGC abría así unha canle de comunicación bidireccional, na que,  ademais de achegar as novas da Federación dun xeito máis cotiá aos cazadores, que como tantos millóns de persoas visitan a diario esta rede, daba a posibilidade de que estes achegasen, de xeito público, as súas opinións e comentarios sobre as noticias e informacións publicadas, así como calquera outro comentario ou opinión que tivesen a ben facer. Sen dúbida trátase dun medio moi valioso para coñecer máis polo miúdo o sentir dos cazadores ao respecto da caza en Galicia e as actuacións da Federación.

Non obstante, nos últimos meses esta importantísima e poderosa canle de comunicación estivo a converterse nunha sorte de trincheira virtual dende a que certas persoas optaron por parapetarse para bombardear a discreción todas e cada unha das medidas tomadas pola Federación, así como a dinamitar a opinión pública vertendo todo tipo de falacias e informacións incompletas ou nesgadas. Lamentablemente, esta guerrilla virtual non só tivo como obxectivo a propia Federación como entidade, senón que se viralizou ata personalizarse en membros concretos da súa estrutura, concretamente da súa xunta directiva e reiteradamente na persoa do seu Presidente, e por último, tristemente, mesmo contra os propios traballadores e a asesora xurídica da Federación.

A Federación Galega de Caza cree firmemente na liberdade de expresión. Queda patente esta postura en que nunca se levou a cabo ningún tipo de acción directa contra estes ataques: ningún comentario foi eliminado, nin ningún membro expulsado do Facebook da Federación. A pesar das duras críticas vertidas, que son publicamente visibles e por tanto nada beneficiosas para a imaxe da Federación, o compromiso coa liberdade de opinión é fundamental.

Como entidade dirixida por persoas, a Federación é susceptible de cometer erros, ou de non tomar sempre as mellores decisións. As accións ou decisións da FGC poden resultar ás veces manifestamente erróneas, mais a cualificación da maioría delas corresponde polo xeral a valoracións de criterio ou opinión. En calquera caso as críticas construtivas sempre serán valoradas por esta institución, mais o que non semella nada beneficioso a crítica sistemática de todas e cada unha das medidas tomadas.

Nembargante, o que sen dúbida a Xunta Directiva da Federación Galega de Caza non pode tolerar baixo ningún concepto é a alusión aos traballadores ou a calquera dos profesionais que colaboran coa Federación como branco directo das críticas. Toda responsabilidade das accións e decisións levadas a cabo pola FGC recaen na súa Xunta Directiva, sempre co apoio da Asemblea Xeral, e será nestes foros onde se decida se os traballadores cumpren ou non co seu cometido, pero estes non deberan ser nunca obxecto de debate público ou de crítica, menos aínda de escarnio.

En definitiva, dende a Federación Galega de Caza valórase enormemente as posibilidades de comunicación que brinda un medio como a rede social Facebook, máis lamenta profundamente que esta se use como un aparato de ataque reiterativo e infundado por parte de certos sectores –e outros individuais encoraxados por estes- que descoñecen a fondo o traballo que leva a cabo a Federación en moitos casos, e que semella que só serve para alimentar os seus propios intereses persoais e, moi probablemente, atopar un protagonismo que non acadan polos seus propios medios e éxitos persoais.

Convidamos a tódolos cazadores a que nos acheguen as súas opinións, críticas, suxestións, achegas e peticións á Federación, por tódolos medios posibles: teléfono, correo electrónico, correo postal, redes sociais, etc. só pedimos o debido respecto polas persoas que traballan, que loitan e tratan de levar a cabo o mellor posible a súa tarefa, como responsables da Federación ou como profesionais da mesma, sempre co obxectivo común de defender os intereses dos cazadores galegos. O traballo máis duro e moitas veces o menos visible.

Xuntos seremos máis fortes.