XUNTA EXECUTIVA
A FGC emitirá a licenza autonómica de emisora a partir de maio, e realizará varios cursos sobre seguridade
14/3/2014

Esta semana tiña lugar na sede da Federación Galega de Caza en Santiago unha xuntanza da súa Xunta Executiva.

Probablemente o punto mais importante da xuntanza, pola repercusión inmediata que supón para o colectivo de cazadores galegos, é a posta en marcha da licenza de emisora de carácter autonómico –ata agora exclusivamente provincial-, coa que os cazadores terán a opción de usar a súa emisora en todo o territorio galego, se así o desexan. Esta nova licenza entrará en vigor en maio. A FGC da cumprimento así a unha das peticións máis habituais dos cazadores galegos nos últimos anos.

Outra das decisións máis salientables tomadas nesta xuntanza foi a de celebrar uns cursos sobre seguridade e xefes de cuadrilla, que coordinará o Tesoureiro da FGC Manuel Pérez Requejo, e que serán levados a cabo en tódalas provincias.

A posta ao día da situación coa RFEC, a participación no proxecto piloto de danos na agricultura, a preparación do vindeiro Comité Galego de Caza ou a posible incorporación de Galicia ao proxecto de licenza única de caza foron outros dos temas destacados nesta xuntanza.