CAZA E GASTRONOMÍA
Nigrán acollerá a I Feira de Gastronomía de Caza en Praia América
14/2/2014

A mostra congregará a máis de 5.000 persoas nunha superficie superior aos 6.000 metros cadrados.

Nigrán acollerá o I Certame Feira e Gastronomía de Caza, que estará aberto ao público ao longo de todo o fin de semana na chaira de Praia América. A mostra foi presentada hoxe no Salón de Plenos municipal, nun acto que contou coa participación do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, o presidente da Federación de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo, e José Juan Martínez Cabaleiro, en representación da organización.

A feira despregarase na chaira de Praia América cunha superficie total de 6.200 metros cadrados, 2.200 cubertos e o resto ao aire libre, e permanecerá aberta todo o fin de semana, en horario de 12.30 a 19.30 o sábado e de 10.00 a 18.00 horas o domingo. Así mesmo, contará cun parking público e gratuíto fronte ao recinto de exposición.

O evento comezará o sábado coa inauguración oficial, na que participarán todas as autoridades anteriormente citadas. Ao medio día, a organización ofrecerá unha comida con capacidade para 3.000 comensais cun menú no que as carnes de xabaril e cervo serán protagonistas, cun prezo de 10 euros por comensal. As persoas interesadas en acudir a esta comida deberán reservar o seu cuberto chamando ao 637 900 101 ou ao 625 968 147.

Os visitantes poderán gozar ao longo de todo o fin de semana de exhibicións de tiro con arco, cetraría, probas de rastrexo con cans da raza Springer Spaniel e demostracións caninas de agility nun circuíto de obstáculos, así como dunha ampla e variada mostra de produtos e accesorios propios desta actividade e inchables para os máis pequenos.

Ademais, os membros do colectivo Vesdespacio Miñor realizarán o domingo unha concentración na contorna da feira, e habilitarase un punto de recollida de tapóns solidarios para a plataforma do Baixo Miño.