OBSERVATORIO
Amplíase o prazo de recollida de fichas de seguimento de capturas de caza menor
14/2/2014

Co comezo da campaña cinexética 2013/2014 da caza menor en Galicia, a Federación Galega de Caza, dentro do marco do seu Observatorio da Caza, comezaba unha campaña de recollida de datos voluntaria entre tódolos cazadores galegos, co fin de facer un seguimento das capturas de especies de caza menor na nosa comunidade.

Hai unhas semanas, rematada oficialmente a campaña de caza menor e xa so restando o remate da caza do raposo e a arcea, comezaba o momento da recollida das fichas de seguimento para proceder ao correspondente tratamento dos datos e posterior elaboración do informe, prazo que remataba no dia de hoxe.

Non obstante, e dado que as tempadas de caza da arcea e do raposo remataron oficialmente a pasada semana, a FGC decidiu extender o período de recollida das fichas de seguemento ata o vindeiro xoves día 20 de febreiro co fin de dar marxe aos cazadores de arceas e raposo para cumprimentar as fichas de seguimento..

Lembrámoslle que, co fin de incentivar a participación, e como agradecemento a aqueles que colaboraron nesta importante campaña, a Federación Galega de Caza realizará un sorteo entre tódolos cazadores participantes que envíen cumplimentada correctamente a súa ficha dentro do prazo de recollida establecido. Os premios sorteados son os seguintes:

  • Un Seguro Federativo de Caza Tipo S (ata 732.251,82€ de capital asegurado)
  • Suscrición por 1 ano á Revista "Galicia Cinexética"
  • Polo co logotipo da Federación Galega de Caza

Se vostede completou unha ficha, pode remitírnola por calquera dos medios de contacto da Federación Galega de Caza.