XUNTANZA |
As Federacións Deportivas Galegas manteñen a súa oposición á licenza federativa única |
4/2/2014 |
Unha comisión da FGC, composta polo Vicesecretario José Manuel Vidal, e pola Asesora Xurídica, María Teresa González, xunto cos representantes doutras federacións deportivas galegas, asistían o pasado venres a unha xuntanza convocados polo PSG-PSOE, na que participaban, ademais do Responsable de deportes, Aitor Bouza, o Deputado no Congreso, Guillermo Meijón, e a Deputada Autonómica, Mari Carmen Acuña; a reunión tiña por obxecto coñece-la postura das federacións autonómicas respecto das reformas prevista na lexislación española sobre a licenza única e a Lei de Seguridade Cidadá. Na xuntanza púxose de manifesto, unha vez máis, que as federacións deportivas galegas rexeitan unanimemente a modificación que pretende introduci-lo Goberno Central ao artigo 32.4 da Lei Nacional do Deporte, que baleiraría de competencias ás federacións deportivas autonómicas. As federacións galegas pediron que se manteñan a redacción do referido artigo tal e como está na actualidade ata que se modifique a Lei Nacional do Deporte - que ten case un cuarto de século- para adaptala aos tempos actuais. Á oposición emprendida polas federacións deportivas galegas viñeron a sumarse no último mes a práctica totalidade das federacións autonómicas das demais Comunidades Autónomas, e varias Federacións Españolas, que se reunirán o vindeiro sábado día 8 de febreiro, en Torrejón de Ardoz (Madrid), á que está prevista a asistencia do Presidente da FGC, Javier Nogueira, e na que os representantes do deporte autonómico e nacional presentarán unha proposta consensuada rexeitando así a modificación introducida polo Goberno Central. Imaxe: PSdG - PSOE |