CAZA DE RAPOSO |
O equipo Doble Cero proclamouse Campión Galego |
20/1/2014 |
XIX Campionato Galego de Caza de Raposo O pasado sábado 18 de xaneiro tivo lugar nas localidades coruñesas de Brión e Ames a décimo novena edición do Campionato Galego de Caza de Raposo organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración das Sociedades de Caza de Altamira de Brión e Azor de Ames. Á proba acudiron un total de 14 equipos clasificados nos seus respectivos campionatos provinciais máis o equipo “Río Ulla 1”, campión da edición anterior. A xornada cinexética foi transcorrendo sen imprevistos e o bo tempo acompañou durante a primeira parte da mañá ata os derradeiros compases da proba na que a choiva fixo acto de presenza. A partir das 13:30 os equipos foron facendo a súa entrada en control e o equipo veterinario alí presente analizaba as capturas. Foi o equipo “Doble Cero” o que con dúas capturas (1 macho e 1 femia) e, despois de resultar afortunado no sorteo, proclamábase Campión Galego de Caza de Raposo. O segundo posto era para o equipo lucense “Os de Cela” con tamén dúas capturas (1 macho e 1 femia). O terceiro posto recaía no equipo “A Raposa Vella” chegado de A Coruña cunha captura (1 macho). O xantar de irmandade e entrega de premios congregou a tódolos participantes, guías, xuíces, organización, representantes federativos e autoridades. Entre as autoridades atopábanse Santiago Amor Gallego, alcalde do concello de Ames, Pedro Nieto, representante da FGC en A Coruña, Francisco Couselo Castiñeira, presidente da FGC en Pontevedra, Manuel Pérez Requejo, tesoureiro da FGC, o delegado da competición de raposo da FGC, Manuel Rodríguez Cobas e o presidente da FGC Javier Nogueira Diz. |