ASEMBLEA XERAL
A Asemblea federativa oponse frontalmente á nova lei nacional do deporte, e acorda solicitar sendas entrevistas co Presidente da Xunta e do Goberno Central
30/12/2013

O máximo órgano de goberno da FGC reuníase o pasado venres no Estadio Multiusos de San Lázaro

Ás 18 h. da tarde comezaba a xornada de Asemblea Xeral, que tiña lugar no Salón de Actos da Secretaría Xeral para o Deporte, no Estadio Multiusos de San Lázaro. Nela, o primeiro punto do día, tras a correspondente lectura da última acta, eran os orzamentos do ano 2014 que, foron aprobados por unanimidade.

Seguidamente os asistentes aprobaron tamén por unanimidade o réxime sancionador e disciplinario e a súa inclusión nos estatutos federativos, ao tempo que se nomeou o Xuíz Único e o Comité de Disciplina Deportiva.

No apartado de competicións foron aprobados os regulamentos autonómicos de tódalas disciplinas deportivas da FGC, así como a nova normativa de Raposo, a que como novidade inclúe que os empates, en primeira instancia, resolveranse polo número de raposos machos abatidos, e no caso de persistir dito empate procederase por sorteo. Tamén se acordou a incorporación da modalidade de Agility e aprobouse o regulamento polo que se rexerá.

Seguidamente, o Presidente da FGC, Javier Nogueira, informou da situación actual coa Real Federación Española de Caza, cualificándoa de “tensa”, toda vez que existen varios conflitos abertos coa mesma desde diversos ámbitos. Destacou unha vez máis que ata 8 federacións autonómicas, entre as que se atopa a FGC, e que aglutinan a máis do 70% dos federados nacionais, están en contra da xestión actual da RFEC, e teñen varios recursos interpostos ante o Consello Superior de Deportes e ante os Tribunais de Xustiza.

Outro punto importante da orde do día, e que sen dúbida provocou a preocupación da Asemblea, é a modificación da Lei Nacional do Deporte, en concreto dos artigo 32.4, que deixa sen competencias ás federacións deportivas autonómicas de ser aprobada tal e como se pretende. Os asembleístas amosaron a súa máis absoluta oposición ao novo texto, e o seu total apoio ao Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, para que loite ante o Goberno de España na defensa das competencias que teñen delegadas as federacións deportivas galegas a través da actual Lei do Deporte de Galicia; ao tempo que se acordou solicitar sendas entrevistas co Presidente da Xunta de Galicia e do Goberno Central para manifestarlles o rexeitamento dos cazadores galegos. Neste senso compre dicir que hai unha semana as federacións deportivas galegas, durante unha xuntanza á que foron convocadas polo Secretario Xeral para o Deporte, tamén rexeitaron  por unanimidade esta modificación.

A continuación comezaba un dos debates máis importantes da xornada: o da nova Lei de Caza de Galicia. Algúns asembleístas amosaron a súa preocupación polo novo texto aprobado polo Parlamento, sen embargo os xuristas da FGC tranquilizaron aos asistentes asegurándolles que o texto final é moito mellor do que cabería esperar, tendo en conta os cimentos que tivo esta Lei, grazas en boa parte ao enorme esforzo que levou a cabo a Federación Galega de Caza en colaboración coas sociedades de caza e outros estamentos colaboradores.

A xuntanza remataba cos informes de Presidencia, onde o máximo mandatario federativo fixo un repaso a diversos temas de interese, destacando a importancia de dar un impulso ao Clube de Descontos da FGC, unha iniciativa que está a ser tremendamente beneficiosa tanto para os cazadores como para os establecementos adheridos, pero que dende a Federación se desexa chegar cada vez a máis establecementos e federados.

E por último, a versión actualizada do “Estudo sobre a repercusión económica e social da caza en Galicia” foi outro dos puntos que o Presidente, Javier Nogueira, quixo destacar no seu informe.