LEI DE CAZA |
Intensa xornada de debate na FGC arredor da nova Lei de Caza de Galicia |
19/9/2013 |
Representantes da Federación Galega de Caza mantiñan o martes diversas xuntanzas por mor da elaboración das derradeiras alegacións á Lei de Caza de Galicia A xornada comezaba coa xuntanza da Comisión de Caza da FGC, integrada pola xunta executiva e os presidentes provinciais, que se reunía cos Deputados do Grupo Parlamentario Popular, Santiago Freire e Miguel Prado. Posteriormente incorporábase a esta reunión a Subdirectora de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Susana Cuesta, a quen a Comisión de Caza lle trasladaba en primeira persoa as achegas federativas que non foron incorporadas no texto que está en trámite parlamentario. Entre as achegas trasladadas á Subdirectora figuraban as novas emendas ás explotacións cinexéticas comerciais e ás infraccións da última redacción. No apartado de infraccións a Federación propón pasar a infracción leve o incumprimento sobre sinalizacións dos Tecor, que actualmente aparece entre as faltas graves, e como novidade a proposta da FGC engade como falta grave a interrupción de xeito intencionado dunha acción ou modalidade de caza. Esta primeira xuntanza da xornada desenvolvíase de xeito satisfactorio, co compromiso de analizar polo miúdo todas e cada unha das emendas federativas. Xa pola tarde, a última hora, celebrábase tamén unha xuntanza coa Deputada do BNG, Ana Pontón, á que os responsables federativos lle trasladaban tamén o texto coas achegas federativas. Ámbolos representantes coincidiron en varios aspectos, entre os que cabe sinalar a defensa da caza social en Galicia, e o aproveitamento do monte máis aló dos recursos forestais. A Deputada comprometeuse a estudalas e informar á Federación da postura que defenderá este grupo no Parlamento. Con esta xuntanza remataba a rolda de reunións mantidas entre a FGC e os diferentes Grupos Parlamentarios. Previamente os representantes federativos, no mes de maio, reuníranse cos Deputados do PSdeG e de AGE e, nesta mesma mañá, cos representantes do Partido Popular. Achegas da Federación Galega de Caza á Lei de Caza Non houbo tempo na xornada do martes para o descanso na sede federativa, xa que, entre medias das dúas xuntanzas anteriores, ás 5,30 do serán, era a Comisión Delegada da Asemblea da FGC a que se reunía, para entre outras cuestións acordar a modificación do calendario de competicións de caza menor e de arceas para adapta-lo ao cambio de data que ven de realizar a RFEC no Campionato de España. Calendario de Competicións 2013/2014 A Comisión Delegada tamén informaba favorablemente da xestión deportiva e económica levada a cabo pola Federación Galega de Caza durante o que vai de exercicio, e acordaba celebrar a vindeira Asemblea Xeral o venres, día 8 de novembro, ás 7 do serán en Santiago de Compostela. Outro dos acordos levados a cabo pola Comisión era a solicitude dunha entrevista coa Subdirectora de Recursos Cinexéticos para pedir información sobre os criterios do reparto económico establecidos para cada provincia na Orde 8/2013, de axudas destinadas aos titulares de Tecor para a conservación das poboacións de caza menor, entre outros asuntos. Remataba así unha intensa xornada de xuntanzas da que a Federación Galega de Caza agarda ter resultados positivos sobre todo no que á redacción final da nova Lei de Caza se refire. |