RASTRO XABARIL
Iván Fernández con “Turé” acada o primeiro posto no Campionato Galego
2/7/2013
Campionato Galego de Cans de Rastro Atrelados modalidade Xabaril

O pasado sábado 29 de xuño, disputábase no Tecor Riberas do Tambre – Sigüeiro (A Coruña) o Campionato Galego de Cans de Rastro Atrelados modalidade Xabaril organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración de dita sociedade de caza.

Á proba acudiron preto de 40 monteiros clasificados nas súas respectivas fases provinciais, da Copa Galicia e o Campión da edición anterior.

Foron o xuíces Miguel Martínez Casal, Francisco Javier Silva Fontán e Manuel J. Vázquez Mosquera os que tiveron a difícil tarefa de xulgar a participación de este grupo de monteiros e cans que nos derradeiros anos manteñen un alto nivel competitivo.

Disputada a fase final, foi o monteiro lucense e actual campión de España da modalidade, Iván Fernández Pereira o que co seu can “Turé” acadou o primeiro posto da clasificación converténdose no novo Campión Galego da especialidade con 252,6 puntos. Francisco Rodeiro Eiras, que defendía o título de campión, resultou segundo clasificado co seu can de nome “Cho” e 238 puntos. Remataba tamén con 238 puntos pero en terceira posición o monteiro Álvaro Fontenla Filgueira coa cadela “Lira”.