LEI DE CAZA |
A FGC e a ConsellerĂa de Medio Ambiente achegan posturas |
3/6/2013 |
O pasado venres, 31 de maio, a Comisión de Caza da FGC reuníase novamente co Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, co Director Xeral de Conservación, Ricardo García Borregón, e con Miguel Prado, do Grupo Parlamentario Popular, coa lei de caza como protagonista. A xuntanza arrancaba con certa tensión polas dúas partes, tensión que se iría limando a medida que ía avanzando a reunión; os representantes federativos insistían en que o actual texto do Anteproxecto é un revés para a caza social en Galicia, e facían fincapé en que para continuar co actual tecido social é fundamental a modificación dalgúns artigos, entre eles, os máis discutidos, os danos patrimoniais, as zonas de seguridade, e as competencias da gardería. Tras unha intensa xuntanza, desde a Consellería, e desde o Grupo Parlamentario Popular, comprometíanse a analizar de novo as achegas da FGC, e buscar unha nova redacción para os artigos máis controvertidos, cando menos unha redacción satisfactoria para os cazadores galegos, manifestando tanto o representante do Grupo Popular como a Consellería o seu desexo de que a lei conte co respaldo do colectivo cinexético. A comisión federativa, despois de varios meses de xuntanzas e negociacións, saíu por primeira vez con certo grao de optimismo pero sen baixa-la garda; a FGC agarda que a participación do representante do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Prado, e a súa condición de cazador e expresidente dunha sociedade de caza, axude á Administración a comprender o malestar dos cazadores galegos respecto ao actual texto. |