O director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, aclarou esta mañá que nos vindeiros días se fará público, a través da páxina web da Consellería, o informe de alegacións presentadas ao anteproxecto da Lei de Caza, así como a valoración das mesmas, durante o proceso de información pública.
García-Borregón interveu esta mañá na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior. O representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destacou que o actual Goberno facilitou o acceso a este texto legal ampliando en 30 días o período para que os interesados presentaran as alegacións ou as observacións que estimaran oportunas.
Destacou que na actualidade, o seu departamento traballa nos últimos axustes para facer público o resultado do procedemento de participación pública deste anteproxecto, no que se fai unha análise de cada unhas das alegacións presentadas, especificando aquelas que son aceptadas e explicando as que se rexeitan.
En resumo, García-Borregón concluíu que queda de manifesto que a intención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, tal e como se demostrou nos trámites realizados, foi promover unha participación real e efectiva do público na elaboración do anteproxecto da Lei de Caza, co obxectivo de mellorar a calidade da norma actual. |