REIVINDICACIÓN
As sociedades de caza están dispostas a entrega-los tecores á Xunta
15/4/2013

A asemblea xeral da FGC celebrada o sábado en Santiago de Compostela, daba luz verde ás contas do pasado exercicio, que presentan unha saúde aceptable, ao tempo que facultaban á xunta executiva para establece-lo prezo da licenza federativa autonómica. Aprobábanse tamén por unanimidade o resto dos puntos da orde do día, entre eles a adecuación dos estatutos federativos á nova Lei do Deporte de Galicia, pero unha vez máis a atención estaba marcada polo debate da nova Lei de Caza. 

Os tecores rexentados polas sociedades federadas, que representan practicamente o 90% dos existentes na CCAA, estarían dispostos a devolvérllelos á Administración Autonómica, e por tanto sería a propia administración a que tería que facerse cargo dos accidentes e dos danos producidos pola fauna cinexética, de non verse reflectidas na nova Lei as achegas dos cazadores galegos, o que faría moi difícil a convivencia entre a fauna cinexética e o rural galego.

A asemblea acordaba, antes de inicia-lo calendario de mobilizacións, reunirse cos grupos parlamentarios, e en función do resultado destas xuntanzas celebrar asembleas abertas a tódolos cazadores para adopta-las medidas a levar a cabo fronte á Administración, que poderían desembocar nunha gran manifestación e na entrega dos permisos administrativos dos tecores á Xunta.