- A práctica da caza considérase como un instrumento da máxima utilidade para a
conservación do medio natural e o control das poboacións silvestres
- Un dos principais obxectivos do texto é acadar unha caza máis sustentable, ética e
responsable; mellorar a seguridade das persoas e os bens; dinamizar o medio rural;
fomentar a substitución xeracional e facer unha regulación máis precisa desta
actividade
- A lei regula un sector de forte implantación social que move máis de 50.000 licenzas
de caza e un volume económico superior aos 90 millóns de euros ao ano
- Unha das principais achegas desta lei é a constitución dun fondo de
corresponsabilidade para facer fronte aos danos das especies cinexéticas
- Por primeira vez defínense expresamente os deberes e as responsabilidades do
cazador
A Xunta de Galicia manterá nos 16 anos a idade mínima para obter licenza de caza, tal e
como establece a actual lexislación galega. Deste xeito, a nova Lei de caza que está a
tramitar o Goberno galego non rebaixará ese límite de idade aos 14 anos, tal e como
estaba previsto no anteproxecto. Está é unha das novidades do texto legal que será
remitido ao Consello Económico e Social, trámite do cal foi informado hoxe o Consello
da Xunta e que é o último paso para que o Goberno galego, unha vez analizadas as
achegas do CES, poida remitir o proxecto de lei para a súa tramitación parlamentaria.
A nova Lei de caza regula un sector de forte implantación social que move máis de
50.000 licencias de caza e un volume económico superior aos 90 millóns de euros ao
ano. O texto legal prima a función ambiental, social e de desenvolvemento rural da
actividade cinexética, que se considera como un instrumento da máxima utilidade para a
conservación do medio natural e o control das poboacións silvestres.
Con esta norma búscase responder á realidade actual da caza en Galicia, partindo de
que a Lei de caza galega de 1997 resulta hoxe en día insuficiente para facer fronte ás
fondas transformacións sociais, biolóxicas e mesmo cinexéticas experimentadas nos
últimos anos. Procúrase tamén unha harmonización normativa con outras comunidades
autónomas, de tal xeito que o marco lexislativo español sobre a caza sexa o máis
uniforme posible.
En relación coa función social e ambiental da caza, a nova lei contempla esta actividade
como unha ferramenta clave á hora de xestionar as poboacións das diferentes especies
e, por extensión, o medio natural. Outra das novas ideas plasmadas nesta norma é a de entender a caza como un instrumento para o desenvolvemento rural de Galicia, así
como para a dinamización económica deste eido.
Como principais obxectivos do texto elaborado destaca o feito de acadar unha caza
máis sustentable, ética e responsable; mellorar a seguridade das persoas e os bens;
dinamizar o medio rural; fomentar a substitución xeracional e facer unha regulación máis
precisa desta actividade.
Regulación máis precisa
Por primeira vez, a normativa galega define claramente o que é un cazador,
especificando os seus deberes e responsabilidades, así como o que é cazar e o que non,
evitando así problemas na interpretación da normativa ao respecto.
Conceptúanse, ademais, as especies que son obxecto da caza e clasifícanse os terreos,
distinguindo entre os que son cinexéticos e os que non. En relación coa seguridade, que
é un dos principios reitores desta lei, regúlase polo miúdo o uso de armas e municións,
deixando ben claro cales se poden utilizar e cales non. Tamén, dentro desta maior
precisión na regulación da actividade cinexética, se inclúen novas modalidades de caza.
Novidades da lei
Na procura dunha mellora dos instrumentos de conservación e control, o novo texto
legal define con claridade os vedados de caza, e autorízase a súa xestión cinexética. Ata
o de agora nos terreos vedados estaba totalmente prohibido cazar e isto provocaba que
estas zonas se convertesen en verdadeiras “reservas” para os depredadores. Agora
permítese xestionar estes vedados, sempre precedendo autorización. Con este mesmo
obxectivo, flexibilízanse tamén os períodos hábiles.
Na lei dáse un impulso especial ás explotacións cinexéticas comerciais, que se tratan
como un instrumento de interese para facer rendibles económica e socialmente os
espazos cinexéticos e promover o aproveitamento socioeconómico e ambiental por parte
das poboacións das súas áreas de influencia. Ao mesmo tempo, defínense con mais
concreción a cetraría e a caza con arco.
Por último, unha das principais achegas desta lei a constitución dun fondo de
corresponsabilidade para facer fronte á problemática dos danos que causan as especies
cinexéticas. Este fondo permitirá a participación de todos os axentes (titulares de
explotacións agrícolas e gandeiras, cazadores e administracións) na repartición de
cargas, así como a dotación de fondos finalistas. |