SOCIEDADES
Xuntanza cos novos presidentes das sociedades de caza
5/12/2012

Os accidentes producidos polas especies cinexéticas, principal problema das sociedades de caza.

A FGC convocaba para onte, martes 4 de decembro, aos novos presidentes das sociedades de caza que, o longo do presente ano 2012 pasaron a ocupar o citado cargo directivo, co obxecto de darlle a coñece-las actividades e actuacións máis importantes que realiza a entidade federativa en prol da caza e dos cazadores en Galicia e para escoita-las suxerencias e inquedanzas dos representantes das sociedades.

O salón de actos da FGC quedábase pequeno ante a extraordinaria acollida que tivo a convocatoria entre os novos presidentes. Trinta dos trintatrés cazadores que accederon á presidencia doutras tantas sociedades de caza desde o pasado 1 de xaneiro, acudían á cita federativa.

Ao longo da xuntanza, unha vez máis, poñíase de manifesto que a principal preocupación dos representantes societarios é a problemática que para os tecores se deriva dos accidentes de circulación producidos por especies cinexéticas, non en vano, este tema, ocupou a meirande parte das intervencións. 

Na xuntanza, ademais do Presidente da FGC, Javier Nogueira, tamén participaban os representantes das Federacións Provinciais, xunto co Secretario Xeral e o Tesoureiro da Federación Galega.

O obxectivo primordial da Federación con esta nova iniciativa, que se seguirá a celebrar periodicamente cos novos cargos electos das sociedades de caza, é coñecer de primeira man as inquedanzas dos cazadores, participando así, de maneira activa, na elaboración da nova folla de ruta federativa.