CAZA MENOR LUGO |
Blanco Paredes gaña o provincial |
31/10/2012 |
Campionato Provincial de Lugo de Caza Menor con Can O pasado sábado 27 de outubro tivo lugar no Tecor lucense de A Terra Cha o Campionato Provincial de Lugo de Caza Menor con Can organizado pola Federación Galega de Caza en Lugo e contando coa colaboración de dita Sociedade de Caza. Á proba acudiron un total de 14 cazadores cos seus respectivos cans e unha vez que a organización realizou o sorteo de xuíces deu a saída un pouco máis tarde do horario previsto debido a medidas de seguridade xa que a néboa dificultaba a visibilidade. Unha vez disipada a néboa a xornada desenrolouse baixo unhas condicións atmosféricas desapracibles con choiva, a cal xa están acostumados os cazadores. Tódolos participantes fixeron a súa entrada en control dentro do horario establecido. Unha vez analizadas ás capturas o Director da Proba, José Manuel Vidal Lamela, deu a coñecer a clasificación final resultando do seguinte xeito. Con 2 perdices e 1 agachadiza resultou gañador, e polo tanto Campión Provincial, o cazador Jesús Blanco Pareces co setter “Anto de Castrocan” e 1.220 puntos. Francisco Javier López Salvador co can “Brea de Castrocan” situábase na segunda posición con 2 perdices abatidas e unha puntuación de 1.020 puntos. O terceiro caixón do podio era ocupado por Bernardo Traseira Rois co setter “Rana de Cumbraos” e unha percha de 1 lebre e 1 perdiz que lle reportaron un total de 860 puntos. A estes tres primeiros clasificados súmanselles os cazadores Antonio González Álvarez e David González Revaldería, conformando o equipo que representará a provincia lucense no vindeiro Campionato Galego da especialidade. |