RASTRO COELLO |
José Luís Calvo proclamouse como novo campión galego |
1/10/2012 |
Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello O pasado sábado 29 de setembro tivo lugar en Vilagarcía de Arousa, concretamente no Tecor de Karsita, unha das probas raíñas do calendario de competicións da Federación Galega de Caza, o Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello contando coa inestimable colaboración da Sociedade de Cazadores de Karsita. Á proba chegaron clasificados, dos seus respectivos Campionatos Provinciais, un total de 8 participantes cos seus respectivos lotes de catro cans. Uns lotes que, contando coas boas condicións do terreo no tocante á densidade de lagormorfos, permitiu presenciar extraordinarios levantes e seguimentos por parte destes pequenos xigantes do rastro. Xulgadas as presentacións dos 8 lotes por parte dos xuíces José Moure Caneda e Francisco Javier Silva Fontán, o Delegado de Rastro da FGC, Manuel Martínez Casal, deu a coñecer a clasificación final desta fase autonómica. Foi o lote dos bassets leonados de bretaña “Dante”, “Alaska”, “Clio” e “Eira” do coruñés José Luís Calvo Vázquez o que acadou o primeiro posto e se converteu deste xeito no novo Campión Galego da especialidade cun total de 569 puntos, facéndolle entrega da placa de Campión o presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, Juan Ángel Alonso Pérez. En segunda posición, e tamén chegado da provincia de A Coruña, situáronse os beagles “Ero”, “Eras”, “Tula” e “Sam” de Juan Carlos Casas Cambón con 540 puntos. Con 530 puntos, ocupou o terceiro posto do podio o lote de beagles “Clay”, “Lima”, “Perla” e “Xouba” do pontevedrés Alfonso Rey Baulde. O basset leonado de nome “Dante” propiedade de José Luís Calvo Vázquez foi nomeado como mellor can da proba ao acadar un total de 147 puntos. |