XUNTOS CONSEGUIMOS
As achegas da FGC, incorporadas á nova Lei de Montes de Galicia
24/7/2012

A Xunta de Galicia publicaba onte no DOG a nova Lei 7/2012 de Montes de Galicia, que entrará en vigor nun prazo de 30 días dende a sua publicación. A Federación Galega de Caza realizou no seu momento as oportunas alegacións a este texto que, en boa parte foron tomadas en conta para sua redacción final.

Así, certos artigos como os referentes á modificación da Lei de Incendios, que prexudicaban gravemente aos cazadores, foron revisados para supoñer unha maior conciliación coa actividade cinexética, sendo menos restritivos. Os cazadores terán, sen embargo, novas obrigas como identificarse sempre que se atopen en ZAR (Zonas de Alto Risco).

Unha das medidas que trata de incorporar esta nova normativa e que podería prexudicar gravemente os intereses do colectivo da caza, é a da prohibición de acceder, circular e permanecer en zonas de alto risco durante a época de perigo alto de incendios forestais, o que na práctica levaría a non poder acceder á practica totalidade do monte galego durante unha boa parte da tempada de caza.

Finalmente, estas prohibicións incluíron excepcións entre as que se atopan a do artigo 32 da Lei de Prevención de Incendios: “h) O acceso, a circulación e a permanencia nos predios rústicos de réxime cinexético especial para aqueles cazadores socios das súas sociedades xestoras que participen en actividades cinexéticas autorizadas”.

Cabe destacar que, a pesar de que a lei fai máis restritivo e controlado o acceso aos montes en épocas de alto risco de incendio, finalmente e grazas en boa parte ás aportacións e achegas da FGC, entreoutras, a este texto, os cazadores non sairán prexudicados con esta nova lexislación referida aos montes. Xuntos conseguimos...

Descargar Lei 7/2012 de Montes de Galicia