XORNADA DIVULGACIÓN
Magnífica Xornada sobre Xestión Cinexética en Portas
11/6/2012

O pasado sábado día 9 de xuño a localidade pontevedresa de Portas acollía a IX edición da súa xa consolidada xornada sobre xestión cinexética e medio ambiente.

No transcurso da mesma, máis de 200 persoas achegáronse ata o Auditorio da antiga Azucreira: cazadores, xestores, directivos de sociedades de caza, gardas de montes e técnicos, entre outros, participaron do evento.

Durante as seis horas que durou a xornada, os asistentes puideron coñecer de primeira man a situación actual dos “Proxectos de Fedenca” de boca do seu Director, José Luís Garrido quen se esforzou en facer unha completa “radiografía” de cada proxecto. Explicando aos asistentes o cando, o cómo, o canto e o porqué de cada un dos traballos realizados, así como as súas aplicacións á realidade cinexética.

A continuación Francisco Parra, catedrático de Bioquímica da Universidade de Oviedo, repasou durante a súa intervención as dúas patoloxías víricas que máis afectan ás poboacións de coello de monte: a enfermidade hemorráxica e a mixomatoses. Incidindo en aspectos básicos sobre a vacinación e poñendo sobre a mesa os derradeiros datos coñecidos sobre a caracterización dunha nova variante do virus de RHDV cuxo principal perigo é que afecta a gazapos de menos de 2 meses, unha franxa de idade na cal, os animais non eran sensibles á cepa vírica xa  existente.

Tralo café de rigor foi o turno para Pedro González Redondo, enxeñeiro agrónomo da Universidade de Sevilla, quen analizou diversos aspectos sobre a cría e produción de coellos en cautividade. Repasou as características e as perspectivas das granxas cinexéticas de coellos de monte e fixo fincapé nos puntos críticos da produción de animais co fin á repoboación. Tamén expuxo algunhas propostas para mellorar a eficacia de ambos aspectos, fundamentais para conseguir o éxito.

Pechaba o turno de intervencións Mario Sáez de Buruaga, Biólogo,  o cal en unha “clase maxistral” expuxo aos asistentes todos os entresixos do “Proxecto Becada”. A intriga e os enigmas que rodean a esta gran viaxeira fixeron que todo o auditorio seguise con máxima atención as explicacións de Mario. Tampouco deixou indiferente aos asistentes, cando expuxo a súa opinión acerca de outras especies cinexéticas e non cinexéticas, aportando datos científicos de diversos traballos realizados por el e a súa consultora, algúns deles incluso contrarios a certos “mitos” existentes.

Unha mesa debate baixo o título “Caza: Conservación e Sostenibilidade ” serviu de marco para que os presentes expuxesen as súas dúbidas e compartisen a súas experiencias sobre calquera dos temas abordados durante a mañá.

Trala intervención do Director de Fedenca e do Presidente da FGC, clausuraba a xornada Ricardo García - Borregón Millán, Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, destacando a importancia de iniciativas formativas como esta e resaltando a importante función da caza e os cazadores na sociedade actual.