DIVULGACIÓN |
Curso de Caza, Pesca e Natureza en Fornelos de Montes |
16/5/2012 |
Algúns medios de comunicación fixéronse eco da noticia a través de informacións enredadas facilitadas por grupo anticaza. A Sociedade deportiva de caza e pesca A Laxe, celebrará en Fornelos de Montes (Pontevedra) a segunda edición do Curso de Caza, Pesca e Natureza. Para o 17 de maio están convocados nenos e adultos ao cursiño de Pesca, no que os máis cativos estarán acompañados dos seus pais e dos monitores, que lle ensinarán a pescar sen morte con devolución das capturas á auga, poñendo así en práctica as técnicas, lexislación e conservacionismo aprendido previamente na fase teórica. O 30 de xuño, está previsto o curso teórico-práctico de caza, no que poderán participar nenos (acompañados dos seus pais, avós ou titores), así como calquera cazador ou amante da natureza interesado no mesmo. Ás 9 da mañá comezan as conferencias, no Centro Social A Laxe, en Fornelos de Montes, a cargo do Director da Escola Española de Caza, Patxi Andíon, e do Profesor Universitario, Doutor en Veterinaria, Carlos Díez, que versarán sobre a “A montería, diferenzas co gancho”, e sobre a “Cría de coellos en semiliberdade”. A fase teórica rematará cunha Mesa Redonda, sobre as “Peculiaridades da caza en Galicia”, na que intervirán os poñentes Andión e Díez, acompañados do Presidente da Federación Galega e do Presidente Provincial de Pontevedra, Javier Nogueira e Juan Angel Alonso, respectivamente, na que tamén participará o experto en caza maior e Presidente Provincial de Lugo, Francisco López. Arredor das 11 horas comezará a clase práctica, que se desenvolverá na Serra do Suido (en Fornelos de Montes). Baixo o título “A caza con can: coello, perdiz” os alumnos, acompañados dun monitor –tamén do seu titor, no caso dos nenos- poderán disfrutar en plena natureza, nunha zona de caza intensiva debidamente legalizada, vendo como traballa o can, como levanta a perdiz ou o coello. Nas últimas semanas algúns medios de comunicación facíanse eco de informacións malinterpretadas e malintencionadas realizadas por parte dalgún colectivo anticaza, informacións que a Sociedade A Laxe e a Federación Galega de Caza desminten rotundamente. A idea de organizar estas xornadas é socialmente divulgativa, altruísta, e instrutiva sobre a natureza e as especies cinexéticas, co obxecto de achegar á sociedade unha imaxe real sobre cómo debe ser, e como debe formarse, o cazador do século XXI. No curso, neste caso, non se utilizarán armas, de ningún tipo, nin se abateran especies, só se persegue que pais, fillos, avós, e amantes da natureza, disfruten das sensacións da Serra do Suido, e da paixón dun bo can pola caza. |