ACORDO MEDIO RURAL |
A FGC e a Consellería de Medio Rural apostan pola mellora dos hábitats na prevención fronte ós lumes |
02/01/2024 |
Na pasada semana, a FGC mantiña unha reunión de traballo coa Consellería de Medio Rural durante a cal se acadaba un acordo de colaboración conxunta contra os lumes. En dita xuntanza estivo presente o Conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado do Director Xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e polo ente federativo participou a Xunta Executiva co presidente Luis Eusebio Fidalgo ao fronte. Nun primeiro intre, o presidente Fidalgo espuxo a importancia para os cazadores da conservación en estado óptimo dos montes e a necesidade da mellora dos hábitats para as especies de caza menor que facilitará a prevención da lacra dos lumes. O paquete de medidas que inclúe este acordo esta, entre outros, a divulgación e concienciación na prevención e loita contra os lumes, así como diferentes traballos de xestión a realizar nas diferentes sociedades e Tecores federados. Ditas actuacións farán referencia a realización de desbroces e limpeza de pistas forestais principais e estratéxicas, así como o acondicionamento de puntos de auga. Desde a FGC cremos que o desenvolvemento deste acordo é fundamental para a defensa dos nosos Tecores e para a conservación e mellora do medio ambiente, polo que animamos a todas as sociedades federadas e a todos os nosos federados a participar activamente. Nas vindeiras semanas a FGC e a Dirección Xeral de Defensa do Monte manterá contacto cos distintos distritos provinciais e informará puntualmente ás Sociedades de Caza que desexen acometer algunhas destas accións preventivas ante os lumes nos seus terreos cinexéticos. |